9 de agosto de 2013

Fin.

Sinto unha gran mágoa por ter que escribir isto, aínda que xa supuxen hai tempo que pasaría. Tras anos de traballo, o meu principal cometido, polo que comecei o modelado 3D e este blog, remata en breves.

O pasado 6 de agosto, Google anunciou que os modelos 3D feitos por usuarios deixarán de poder subirse a Google Earth a partires do 1 de outobro. Ata entón, aínda vanse aceptar modelos, polo que podería rematar algún dos traballos que teño pendentes. Pero a idea é que os novos edificios sexan feitos automáticamente (como xa pasa en Roma ou Nova York) polo que van ser substituídos. Tedes o anuncio aquí (en inglés) por se lle queredes botar unha ollada.

Aínda que en certa medida sinta enfado, en gran parte estou moi contento de vivir nestes anos o que vivín: coñecín a unha morea de xente de todo o mundo, fixen bos amigos dentro dos modeladores, foi unha gran afección que mantívome entretido moito tempo, axudoume a interesarme pola arquitectura, pola miña cidade (até o nivel de investigar o seu pasado en profundidade, sobre todo no ámbito urbanístico), viaxei por España (a "Google Geo User Summit BCN", a visitar a Trasancos unhas cantas veces na Coruña...) e en resumo, paseino moi ben.

Por se o estades pensando, non, non vou pechar o blog. Aínda que o principal obxectivo deste blog era mostrar os modelos que ía subindo, xa vístedes que agora mostro renders, novas dalgún tipo, e mais cousas, e niso quedará. Sigo co meu proxecto a longo prazo de recreación da arquitectura perdida da cidade, e da que non está perdida pero non lle ven mal un modelo 3D con bo detalle (véxase, a Catedral).

Polo que, aínda que non escriba moito, eu ando por aquí. Que non poda subir un modelo a GE non significa que deixe de ir pola rúa observando aos edificios en vez de mirar ao chan, nin que deixe de tomar a mesma foto pensando "así teño unha textura mellor", nin que pense "Ese edificio habería que facelo en 3D" ou comente "Ves esa casa de enfronte? Pois a fixen eu en 3D".

Aproveito para mandar un saúdo a todos os compañeiros modeladores, e a todos os lectores deste blog que seguen fielmente as poucas publicacións que ofrece.


NO RECORDO!